É inadmisible tamén que as autoridades competentes non fagan cumprir a empresas, polígonos industriais, zonas industrializadas ou a propia administración (Autoridade Portuaria, Zona Franca, etc.) os requirimentos legais en materia medio ambiental e de vertidos.
Por non falar tamén da irresponsabilidade das Administracións de ter mesturadas, ou permitir a súa mestura, as augas residuais, industriais e pluviais.
Calquera sistema de depuración debe ser calculado cunha redundancia tal que sempre se garante a correcta depuración dos vertidos, independentemente da estación do ano, das choivas puntuais, da poboación residente, veraneante ou traballadora, a superficie impermeabilizada pola maior urbanización da superficie do Concello, etc. Cálculo que debe ter sempre en conta as proxeccións de crecemento da poboación real e máis da equivalente. Esta redundancia necesaria implica ademais que toda a instalación debe estar realizada por duplicado ou triplicado. Isto, tal como se fai coas instalacións vitais nos buques, permite que ante calquera fallo nas liñas de tratamento, ter posibles vías de arranxalo, e cabe recordar a omnipresente lei de Murphy.
Non é admisible que unha instalación quede obsoleta en dez anos. E non pode consentirse, baixo ningún concepto, que non cumpra a lexislación vixente.
En calquera caso, o escenario que debemos esixir é o da existencia de redes separativas, onde as augas pluviais sexan recollidas e tratadas de forma independente e non se permita o vertido de augas industriais que non cumpran estrictamente os parámetros de vertido aos colectores de fecais.
Este último aspecto é absolutamente primordial. Deben extremarse as medidas de control e sanción sobre todas as empresas e asentamentos empresariais que non cumpran coa legalidade. Debe ser establecido un sistema de control robusto e duradeiro, preferiblemente automático, e apoiado con rigoroso control da inspección medio ambiental que detecte de inmediato calquera agresión medio ambiental. Non se pode consentir que certas empresas utilicen os colectores coma un “aliviadoiro de responsabilidade medio ambiental” trasladando os seus problemas de depuración ao ámbito colectivo da depuración de fecais. SE NON SE CONTA COA DEPURACIÓN DAS AUGAS INDUSTRIAIS POR PARTE DAS EMPRESAS SEMPRE HABERÁ CONTAMINACIÓN.
Aínda que a depuración é un tema complicado de resolver, debería ser considerado como unha das maiores preocupacións para os políticos e técnicos implicados na materia. Debe afrontarse de inmediato e darlle solucións contundentes e duradeiras no tempo.
Nós plantexamos algunhas alternativas posibles:
Colectores comúns reversibles + pequenas depuradoras
Nesta alternativa considérase a instalación dunha serie de depuradoras pequenas, situadas segundo as concas hidrográficas naturais que ademais estean unidas por colectores comúns que permitan balancear os tratamentos entre elas. Xestionadas desde un sistema centralizado e apoiadas cunha depuración final para casos extremos ou excepcionais. Boas localizacións serían ao longo do borde litoral de Vigo conforme as concas naturais e substituíndo os aliviadoiros que virte a Ría, por exemplo no recheo do Areal, baixo a Praza da Estrela, baixo o novo Palacio de Congresos, no final da calle Coruña, nos terreos roubados ao mar en Bouzas, baixo o museo do Mar, baixo o Verbum, etc. Dado que o seu uso sería absolutamente necesario (serían as instalacións principais), o uso do solo estaría supeditado á función principal, garantindo un impacto nulo no seu redor.
As vantaxes serían a de seren instalacións, que por estar en puntos significativos, estarían perfectamente controladas e xestionadas. E dende un punto de vista social constitúe un punto de vista máis equitativo. (Non fai falta explicalo)
Bombeo a zona en cota elevada + depuradora + reutilización do auga doce
Esta é unha solución máis respectuosa co ciclo da auga doce e cos acuíferos superficiais.
Debe basearse no principio da implantación de redes separativas. Trataríase de bombear o auga residual doméstica (augas negras e grises, conxunta ou separadamente) cara unha cota elevada (nalgún sitio elevado próximo) e alí facer unha depuración total e correcta das augas, deixándoas cunha calidade tal que poidan ser reaproveitadas, sexa verténdoas de novo a calquera das nosas cuncas naturais, ríos ou ao embalse de Zamáns.
A principal desvantaxe desta solución é a do bombeo dende as zonas baixas ata a lugar onde estea situada a estación depuradora. Habería que recorrer a sistemas de alimentación co menor consumo e con garantía de subministro (estacións de bombeo con apoio por xeradores autónomos, placas solares, etc.). O costo do bombeo non é tanto como pode parecer a priori. Se contemplamos os costos totais das obras non representa unha porcentaxe moi alta. O que fai que esta alternativa poda ser tida en conta.
A enorme vantaxe sería a da reutilización do auga doce sexa ben para uso nos ecosistemas ou para consumo humano. E este aspecto, ao ritmo no que o quentamento global afectará en maior grao aos niveis de seca, resulta ser especialmente importante.

Figura. Cuncas hidrográficas no área de Vigo (as frechas indican a dirección da vertente)
Sistemas separativos en orixe
As novas investigacións en materia de depuración apuntan a redes totalmente separativas dende a súa orixe dado que o sistema tradicional de saneamento ten graves inconvenientes: necesita demasiada auga, disolve as feces e eleva o nivel de nutrientes no mar, incluso nas modernas estacións depuradoras.
O proceso de definición dun sistema diferente de saneamento comeza cun estudio dos diversos residuos e compoñentes das augas residuais Os refugallos e augas residuais domésticas poden dividirse en catro grupos
1. Residuos sólidos biodegradables e feces con ouriños (ou separación posterior da ouriños).
2. Augas grises (baño, lavadora e cociña).
3. Desaugadoiros de pluviais.
4. Residuos sólidos non biodegradables.
O tratamento axeitado para cada un dos grupos e o ciclo natural relacionado con cada un deles sería:

Un sistema de saneamento mais sostible para áreas urbanas implica:
• Separación de feces e ouriños mediante sanitarios ao baleiro (vacuum closets (VC) do inglés, en lugar dos water closets (WC)), e tratamento da mestura con residuos orgánicos en planta de biogas.
• Tratamento aerobio das augas grises.
• Filtración de augas pluviais para evitar un sistema de rede de sumidoiros unitaria
A desvantaxe destes sistemas é que resultan incompatibles co saneamento tradicional pero resultan máis respectuosos co medio ambiente se se comparan as emisión a ríos e mar, os balances enerxéticos e a concentración de materia.
Aínda que se atopan en fase experimental, mostran a necesidade de insistir na separación das redes de colectores e tratar de forma específica cada un dos grupos de residuos.
En resumo
O sistema a empregar podería ser calquera dos sinalados, total ou parcialmente ou ben, usados conxuntamente.
O que si é necesario utilizar é a intelixencia, e comprender que os sistemas tradicionais non son a solución aos problemas da depuración. O uso dos sistemas de saneamento separativos debe ser acometido de inmediato.
Nin que dicir ten que unha solución coma é a de situar unha macrodepuradora na desembocadura do Lagares non é mais que un macro-erro que estoupará máis ben cedo que tarde. Dado que non atalla ningún dos problemas comentados (redes separativas, duplicación ou triplicación das liñas de proceso, cumprimento da lexislación vixente, previsión de funcionamento para, polo menos, 25 anos vista, as augas industrias impiden ou dificultan a depuración biolóxica)
Unha macrodepuradora, situada na Xunqueira do Lagares, presenta outros problemas que agravan a depuración convencional, xa que:
• non dispón de terreos para posibles ampliacións (está situada nun humidal a protexer ocupando terreos de dominio público marítimo-terrestre),
• provoca un maior deterioro ambiental que as outras alternativas, por tratarse dun sistema ultrasensible, do cal xa temos a experiencia da que quedou constancia no seu leito e a na súa área de influencia,
• provocaría maior afección ao seu entorno inmediato (maior contaminación do aire, de ruídos e vibracións),
• calquera avaría que se poida presentar pasará a ser un macro-problema sen solución, con grave risco de contaminación medioambiental, que non existiría nos outros casos,
• e, o que seguiría sendo moi grave, utilizaría o emisario para continuar a verter a Ría sen control de ningún tipo,
• e, o incremento da contaminación na Ría durante o seu periodo de construcción (3 anos!!! ou 5??? ou ...)
Outro aspecto na depuración é o da depuración de responsabilidades. É tamén inadmisible que se teñan feito inversións millonarias para descoidar o medio ambiente e maltratar aos veciños.
Para cando teremos políticos que sexan respectuosos co medio ambiente, cos cidadáns e responsables das súas decisións?
Non podemos permitir un crecemento económico a calquera prezo, esquecendo como ata agora o impacto na Natureza. Se os responsables das administracións e das políticas medio ambientais permiten o deterioro e destrucción do noso medio ambiente, e da nosa calidade de vida, non nos valen.
É absolutamente necesario que a preservación do noso Medio Ambiente sexa o eixo central de todas as políticas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario